POEMARIO


As árbores espidiñas
sen follas,
sen folliñas.

os esqueletos de xeo amosan
os seus outonos,
os seus laios,
os seus soños.

Unha alfombra cobre o chan,
tapiz de follas caídas,
folliñas que veñen e van.

Folliñas lixeiras e secas
fatigadas de troular.

Folliñas que bailan co vento
todas collidas da man.


ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

 Antonio García Teijeiro




Ven onda nós o outono
dacabalo do aire;
nos camiños da fraga
os ourizos xa abren.
Sintoo chegar contento
da eterna viaxe
enredando entre as follas,
estreando friaxe.


ANA Mª FERNÁNDEZ. "Ondas de verde azul". Xerais.

Ana María Fernández





Don Carballo chora landras na amencida.
E don Outono baballa néboa fría.

Don Labrego, de sombreiro,
aplaude a don Castiñeiro 
con variña de abelaira.

E don Ourizo da chaira,
como non se ten coa risa,
cáenlle dentes de castaña.

HELENA VILLAR E XESÚS RÁBADE. "Dona e Don". Árbore-Galaxia.   

Helena Villar
Xesús Rábade




Chuvia
Dende o balcón da súa casa
Ve Irene o xardín que rega
e que mima e agarima
día tras día contempla
ese porral florecido,
ese retrinco de terra.
Hoxe non ten que regalo
porque caeu chuvieira,
e o xardín agradecido
reloce de beira a beira.

XOSÉ NEIRA VILAS. "O xardín de Irene". Edicións Embora.

Xosé Neira Vilas.